O historiador Barreiro

Ramón Villares

18/03/2021

F aleceu o profesor e historiador Xosé Ramón Barreiro (Ribeira, 1936; A Coruña, 2021), quen deixa tras de si un gran legado como intelectual, como docente e como xestor cultural. De formación humanista adquirida no seminario de Compostela e na universidade gregoriana de Roma, acabou por cursar a carreira de Historia na Universidade de Santiago, á que chegou en idade madura e cunha sólida formación, pois xa publicara notables estudos sobre historia eclesiástica e dirixía a revista Compostellanum, pensada como voceiro dos estudos xacobeos que reconduciu cara a outros estudos históricos, desde a demografía histórica ata a historia agraria, daquela tan en boga.

Na súa biografía intelectual hai varios trazos importantes. O primeiro, ser un historiador vocacional, cunha obra publicada de enorme amplitude e calidade, que abrangueu moitos campos do saber histórico pero que deu os seus mellores froitos na historia de Galicia, nomeadamente na que se refire ao século XIX. Nada do que aconteceu naquel século, fose na vida social e institucional, fose na cultura e mesmo na biografía das súas figuras máis relevantes, lle foi alleo. A súa erudición era prodixiosa, a biblioteca persoal que conseguiu reunir volveuse mítica e os libros e artigos publicados sobre este tema foron de referencia desde o propio momento da súa saída a lume.

Entre esas primeiras obras salientarei tres, El carlismo gallego (1975), El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977) e Liberales y absolutistas en Galicia (1981), que foron tan pioneiras como precozmente clásicas porque, varias décadas despois, poden ser lidas con proveito e descubrir canto de novo tiveron naqueles anos, nos que a transición do antigo réxime á sociedade liberal en Galicia era ignorada ou coñecida fragmentariamente. Logo viñeron obras máis maduras ou de grande alento, como as dedicadas ao funcionamento da política liberal, do clientelismo político e de prosopografía dos principais líderes políticos. Un libro no que está condensada toda esta información é o seu Diccionario de parlamentarios de Galicia (2000), obra de referencia para a historia política e parlamentar da época contemporánea. Alén de historiador da política, o seu traballo centrouse tamén na historia cultural e institucional na que deu a lume textos ambiciosos sobre a historia da prensa e da imprenta e, sobre todo, dúas obras de referencia: unha nova Historia da Universidade de Santiago (1995) escrita no marco do seu quinto centenario e, desde logo, o seu estudo biográfico máis ambicioso, dedicado á figura de Manuel Murguía (2012). Innecesario é dicir que tivo tamén unha vertente de escritor na praza pública, en xornais e revistas, e de permanente divulgador da historia moderna e contemporánea de Galicia, do que se pode considerar como obras máis representativas o Proxecto Galicia. Historia (1991) con cinco volumes da súa autoría e, en tempos máis recentes, a dirección da Gran Historia de Galicia (2007), en 32 volumes, dos que cinco foron tamén escritos por Barreiro.

Alén de autor de libros de historia, a evocación da figura de Barreiro ficaría coxa sen mencionar a súa condición de docente universitario e, tamén, a súa presenza nas máis importantes institucións culturais de Galicia. Da súa vocación docente podo dar fe como compañeiro de departamento desde os anos setenta ata a súa xubilación. El transmitía nas aulas un enorme entusiasmo pola historia de Galicia e pola investigación. A construción da historia contemporánea como campo de estudo na universidade galega non tería sido posible sen a súa dedicación a tempo completo á vida universitaria, laboría á que nunca renunciou nin para desfrutar dun ano "sabático" nin por desempeñar, en períodos breves, tarefas de xestión como decano e como vicerreitor da institución.

Doutra banda, Xosé Ramón Barreiro foi membro comprometido con diversas institucións da cultura galega, desde a súa precoz participación no Padroado Rosalía de Castro ou o Instituto Padre Sarmiento, ata a fundación do Consello da Cultura Galega ou como membro numerario e presidente da Real Academia Galega. En case todas estas institucións das que formou parte, tiven o privilexio de compartir con el ansias e traballos, nos que sempre apreciei unha enorme paixón intelectual e un compromiso consciente e activo con Galicia e coa súa cultura, tratando de forxar esa "patria enteira" que lle cantou o poeta Salvador García-Bodaño. Calidades e actitudes que, na hora do seu pasamento, me comprace proclamar non só como recoñecemento persoal, senón como espello no que as xeracións presentes e futuras poderán seguirse mirando. Sit tibi terra levis, meu caro.

Ramón Villares
Membro de número da Academia


Novas da Academia

Subscríbete