Marilar Aleixandre

Xela Arias, a escrita tensa

Marilar Aleixandre

21/01/2021

Xela Arias, a escrita tensa como un arco guindando os poemas que atinxen o corazón. Trazada nun tempo, ai tan breve, entre marzo de 1962 en Ortoá e novembro de 2003 en Vigo. A singularidade da súa palabra transgresora leva a Real Academia Galega a dedicarlle o Día das Letras Galegas 2021. Unha voz na vangarda, imposíbel de axaldar nas xeracións do seu tempo, unha poeta que se preguntaba: A miña xeración en galego, onde está? A palabra poética de Xela Arias revólvese, indaga, cuestiona e interroga a orde das cousas. "Desordénome", dicía no libro publicado poucos meses antes da súa morte, ao tempo que restituía ás palabras a súa orde poética. Palabra de muller, que vén dun corpo de muller. Pois se nun mundo ideal a escrita das mulleres non tería por que ser distinta da dos homes, a experiencia das escritoras está conformada pola construción social do xénero. Xela, o corpo é o poema, a palabra erótica de a cabalo dos tigres. A soas coa súa voz, derraigada das xeracións mais enraizada nas rebeldías sociais, prestándoa contra as inxustizas, a ocupación de Palestina, a guerra de Iraq, activista da lingua galega, mudando a rabia pola marea negra en lóstregos: "coa palabra nos dedos como unha esmola". Tensando a lingua ao extremo, someténdoa ao estrañamento, como fixera Paul Celan, á súa poesía anovadora podería aplicarse o que dixo Celan de si mesmo, que era unha escrita antes de tempo. Inzando os poemas de palabras novas, propias, Intempériome, convertendo a rebeldía e a transgresión en palabra poética. Escachando os moldes dos poemas de amor e sexo, dos poemas da nai ao fillo en Darío a diario, unha exploración da (inexplorada) maternidade que cuestiona os enfoques patriarcais, e propón a independencia do fillo, nunha estirpe que vai de Sylvia Plath a Olga Novo.

En Xela Arias a RAG recoñece a poeta, a activista comprometida, e así mesmo a tradutora, exercendo un labor pioneiro e crucial na construción dunha lingua literaria. Versións de excelencia, ao ser unha excelente prosista; acompañando traducións como a do Drácula de Bram Stoker de introducións que hoxe impresionan pola súa modernidade, que saben a pouco. Participando na creación da Asociación de Tradutores, no recoñecemento do labor da tradución como editora de Viceversa. Revista Galega de Tradución, desde 1995.

"Vai furia nos cabalos dos cometas": a palabra de Xela Arias, anticipando unha identificación coa natureza, cos animais, que resoa na poesía do século XXI, ten a capacidade de chegar á mocidade. Dialogando desde a linguaxe poética con outras artes, música, fotografía, pintura. A soas coa súa voz, mais tecendo redes coas expresións artísticas do seu tempo. Singular e plural. Sendo tan curto o tempo entre nós, tan pequeno o número dos libros, que grandes son os poemas.

Marilar Aleixandre
Membro de número da Academia


Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete