O congreso "Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois" afondará no legado da autora dan man de especialistas internacionais

O centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán permitirá profundar dende novas perspectiva na figura e na obra de Emilia Pardo Bazán. A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega reunirán a finais do mes de outubro na Coruña e Santiago de Compostela unha importante representación das grandes voces expertas na autora no Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois. A cita, que se completará con diversas actividades culturais, coincidirá co traslado á Coruña da exposición sobre a autora que organiza a Biblioteca Nacional de España, unha mostra que conta coa estreita colaboración da Real Academia Galega, custodia do legado de Emilia Pardo Bazán, e que poderá verse no Quiosco Alfonso.
Os participantes na presentación do congreso ás portas da Real Academia Galega e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Fonte: RAG


As tres institucións organizadoras presentaron hoxe o programa na RAG, na rúa Tabernas, 11 da Coruña, no que foi o fogar familiar da escritora e hoxe sede tamén da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; a vicerreitora da Cultura da USC, Mar Lorenzo Moledo; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez Blanco; e o académico correspondente, catedrático emérito da USC e director do comité científico do congreso, José Manuel González Herrán, avanzaron o programa en rolda de prensa xunto ao director da área de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois conta co apoio do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

Olladas diversas
"Con este encontro estamos falando dunha concentración de coñecementos e de reflexións sobre Emilia Pardo Bazán importante, e ademais implicamos as institucións máis significativas arredor dunha figura sobranceira das letras españolas e europeas", expresou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. "O congreso conta cun comité científico integrado polos máis prestixiosos especialistas na autora e reunirá a cualificados pardobazanistas procedentes de distintos países, atrévome a dicir que aquí estarán os mellores e as mellores", salientou o director científico do encontro, José Manuel González Herrán.

A xornada inaugural, o luns 25 de outubro, contará cos relatorios de Darío Villanueva, catedrático emérito da USC e académico de número da RAE; Marina Mayoral, académica de honra da RAG e catedrática da Universidad Complutense de Madrid; e Dolores Thion, da Université de Pau. O programa continuará ata o mércores 27 de outubro na sede da Academia con relatorios sobre a narrativa da autora, as súas colaboracións na prensa ou cuestións sobre o seu pensamento como o europeísmo e a experiencia do urbano.

Ángeles Ezama Gil (Universidad de Zaragoza). Jo Labanyi (New York University), Ermitas Penas Varela (USC), Marisa Sotelo (Universitat de Barcelona), Enrique Rubio Cremades (Universitat d'Alacant), Íñigo Sánchez-Llama (Purdue Universty), Ana Freire (UNED), o académico e historiador Ramón Villares e a académica Marilar Aleixandre; ou Isabel Burdiel (Universitat de València), autora da gran biografía sobre Emilia Pardo Bazán, entre outros especialistas, tamén participarán con relatorios que achegarán distintas perspectivas arredor da vida e da obra da autora ao longo de cinco xornadas que se complementarán con comunicacións breves e actividades culturais.

Do pensamento feminista á curiosidade científica
A USC acollerá o xoves 28 de outubro unha xornada centrada na curiosidade científica de Pardo Bazán con relatorios a cargo de profesorado da institución, explicou a vicerreitora de Cultura, Mar Lorenzo Moledo, que lembrou a relación da escritora con catedráticos da USC do seu momento como Antonio Casares ou José Rodríguez.

A xornada que se desenvolverá o 29 de outubro no CCG, coa colaboración da Sección de Historia da Academia, centrarase na ollada de xénero da autora. "Decidimos ir un pouco máis alá colocando a Emilia Pardo Bazán no seu contexto histórico, afrontando a perspectiva do seu pensamento feminista desde un contexto determinado que fai que non sexa extrapolable a calquera outra situación histórica", explicou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

A Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega colaborarán tamén no ano do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán para divulgar en liña a correspondencia da escritora que custodia a RAG. A Academia reproducirá e dixitalizará o epistolario que conserva no seu arquivo e facilitará unha copia ao CCG para a súa inclusión na base de datos Epístola.

O secretario xeral da Cultura salientou a importancia de iniciativas como este congreso para divulgar a figura de Emilia Pardo Bazán. "Necesitamos facer un traballo de recontextualización de persoas que forman parte do noso ideario cultural", subliñou Anxo Lorenzo, que puxo o acento no feito de que Galicia ten dúas das tres casas museos de escritoras de España: a de Emilia Pardo Bazán e a de Rosalía de Castro.

O director da Área de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo, destacou pola súa banda a aposta do consistorio por facer visible neste ano do centenario do seu pasamento "a modernidade de Emilia Pardo Bazán", a magnitude da súa obra –de maneira especial entre a xente moza–, o seu feminismo avanzado e mais a súa relación coa cidade na que naceu e que converteu na súa Marineda literaria.
 

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete