"A de quen comprende", o poema de Xela Arias para Rosalía

Xela Arias foi unha das once mulleres poetas que renderon homenaxe a Rosalía de Castro no libro-cedé Daquelas que cantan (1997), editado pola Fundación Rosalía de Castro co gallo dos cincuenta anos do padroado que fixo realidade a casa-museo da escritora. Esta pequena alfaia inmortalizou a voz da protagonista do Día das Letras Galegas 2021 recitando "A de quen comprende", a composición que a autora lle dedicou para a ocasión á escritora fundacional das letras galegas contemporáneas.
Xela Arias recita "A de quen comprende"
Poema de Xela Arias dedicado a Rosalía de Castro
Audio cortesía da Fundación Rosalía, editora do libro-cedé Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas.

A idea de facer este disco-libro partiu de Ana Blanco, actual vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro, daquela á fronte da organización das actividades. "Naquel momento era algo moi novo, unha gravación de poetas con versos dedicados e acompañamento musical", explica. Canda Xela Arias, participaron outras dez poetas de distintas xeracións: Pura Vázquez (1918-2006), Luz Pozo Garza (1922-2020), María do Carme Kruckenberg (1926-2015), Xohana Torres (1929-2017), María Xosé Queizán (1939), Helena Villar Janeiro (1949), Chus Pato (1955), Pilar Pallarés (1957), Ana Romaní (1962), Yolanda Castaño (1977) e a propia Xela Arias (1962-2003). A música foi composta para cada un dos poemas por Rodrigo Romaní e María Esteirán realizou os retratos das poetas, fotografadas en distintos puntos da ruta rosaliana.

A gravación realizouse nos estudios Cormorán (Padrón) no outono de 1997, nunha xornada que Ana Blanco lembra como "un encontro fermosísimo". A vicepresidenta da Fundación Rosalía coñeceu a Xela Arias naquela ocasión. "Era unha muller encantadora, seria, con aspecto de intelixente, gustoume moitísimo. Temos fotos daquel día todas xuntas e xa faltan tantas!", lamenta.

O xantar foi ao pé da figueira monumental da Casa da Matanza. "Foi un encontro moi alegre e especial. A miña lembranza é a dun día festivo", coincide Chus Pato. Tempo despois, o libro-cedé presentouse no hotel Compostela, na capital galega.

Cuberta do libro-cedé Daquelas que cantan (1997), deseñada por Fausto Isorna, cos retratos de Rosalía e as poetas que lle renderon homenaxe
 
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete