A Banda da Loba presenta nun videoclip o primeiro tema do seu disco de homenaxe a Xela Arias

A Banda da Loba presentou este mes de marzo o avance do seu novo disco, Hasme oír, unha homenaxe á poesía de Xela Arias composta por catro temas baseados en cada un dos poemarios que a protagonista do Día das Letras Galegas publicou en vida. A canción de presentación toma a letra de distintos poemas de Intempériome (2003).

A poesía de Xela Arias xa inspirara un dos temas de Fábrica de Luz, o anterior traballo do grupo formado por Xiana Lastra, Inés Mirás, Estela Rodríguez e Andrea e Marcela Porto. A banda incluíu nese álbum unha composición inspirada en Tigres coma cabalos (1991), o segundo poemario da autora. Agora este tema volverá formar parte de Hasme oír nunha nova versión na que tamén porá a súa voz Xacobe Varela. Os outros dous temas de Hasme oír póñenlles música a versos de Denuncia do equilibrio (1986) e Darío a diario (1996).

"Xela Arias sempre nos interesou como un referente", explica Xiana Lastra. "Estamos moi a favor dela tanto no literario como nas súas reivindicacións persoais e no xeito que tiña de entender a vida", engade. A banda ten musicado versos de poetas coetáneas, como Celia Parra ou Andrea Nunes, e de clásicos da literatura galega como Rosalía de Castro ou Manuel María. A morte prematura de Xela Arias deixouna nunha especie "limbo", "porque non é nin clásica nin unha voz de agora mesmo", expresa Xiana Lastra, pero a súa poesía "é transgresora e totalmente actual".

 
 

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete