A Academia e a Xunta renovan o convenio de colaboración

A Real Academia Galega e a Xunta de Galicia asinaron o convenio que dá continuidade durante 2021 á colaboración entre ambas as institucións. As achegas do Goberno galego apoiarán, entre outras liñas, os traballos relacionados co patrimonio lexicográfico e a toponimia de Galicia e potenciarán a renovación dixital da institución.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, asinaron o convenio que tamén contribuirá ao desenvolvemento de iniciativas de divulgación da figura e da obra de Xela Arias, á que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, e mais aos actos de conmemoración do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán —en cuxo domicilio da rúa Tabernas da Coruña está a sede da RAG, a Casa-Museo da escritora e gran parte do seu arquivo e biblioteca persoal. 

En total, a Xunta de Galicia contribuirá á actividade da Real Academia Galega ao longo de 2021 cunha axuda de 550.000 euros, un 7 % máis có ano anterior. 

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete