Os longos anos da presidencia de Murguía,entre 1905 e 1923, caracterizáronse pola súa intensa actividade e polo forte prestixio e repercusión social acadado por esta institución. A lista completa de presidentes pode consultarse máis abaixo.

1 de 7
"Que viva e floreza a nación galega." Detalle do telegrama de felicitación enviado polo escritor sueco Göran Bjorkmann á Academia pola súa fundación.

2 de 7
Imaxe de grupo na que aparecen sentados, de esquerda a dereita, Francisco Ojea, Murguía, Curros e Martínez Salazar. De pé: Carré Aldao, Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez. A fotografía foi tirada en outubro de 1904 no acto de coroación poética de Curros Enríquez.

3 de 7
A iniciativa do litógrafo de orixe ferrolá emigrado en Cuba, Xosé Fontenla Leal, foi decisiva á hora de botar a andar o proxecto que culminou na fundación da Academia.

4 de 7
Detalle da acta de constitución da Real Academia Galega, o 4 de setembro de 1905.

5 de 7
Ficha do vocabulario a partir do que se elaborou o Dicionario da Academia de 1913.

6 de 7
Detalle do expediente da proposta de Castelao como académico de numero asinado por Otero Pedrayo, Vicente Risco e Marcelo Macías. No texto completo pódese ler: "Diante diste home, os propoñentes cóidanse dispensados de toda loubanza."

7 de 7

Historia da Academia

O 30 de setembro de 1906 inaugurase oficialmente, no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, a Real Academia Galega, que xa fora constituída o 4 de setembro de 1905. No acto conflúen os dous vieiros principais do galeguismo naquela altura. O primeiro deles, agrupado arredor de Manuel Murguía, representa a continuidade do programa do Rexurdimento e do Rexionalismo, mentres que o segundo proviña da vizosa comunidade de emigrantes galegos en Cuba onde naceu, en 1905, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega. A Asociación Iniciadora foi a principal fornecedora das remesas precisas para acometer os gastos da fundación e sostemento da Academia e tivo por obxecto, segundo o seu propio regulamento: "darlle unidade ao idioma galego mediante a publicación dunha gramática e un dicionario". A figura senlleira do litógrafo de orixe ferrolá, Xosé Fontenla Leal, apadriñado polo prestixio intelectual de Curros Enríquez, foi fundamental na organización e bo resultado deste proxecto.

Os anos de Murguía, 1906-1923

Baixo o gran prestixio persoal e intelectual de Manuel Murguía, a Academia vive a súa idade de ouro. Dá comezo unha intensa actividade organizando numerosos actos culturais e celebrando frecuentes plenarios por todo o País. É agora tamén cando se acordan as bases para a elaboración do dicionario que empeza a ser publicado por entregas entre 1912 e 1928, ou se conseguen ampliar as dependencias da Academia grazas ao seu traslado ata o edificio do Concello en María Pita. Pero, sobre todo, neste período encétase a publicación do Boletín da Real Academia Galega, do que se chegaron a editar 149 números en vida de Murguía. Coa súa morte o 1 de febreiro de 1923, aos noventa anos, o primeiro Presidente deixa como legado unha Academia forte, ben organizada e cun camiño ante si rigorosamente trazado.

Entre Murguía e a República, 1923-1936

Nesta segunda etapa, ocupan sucesivamente a presidencia Andrés Martínez Salazar (1923), Francisco Ponte Blanco (1923-1926), Eladio Rodríguez González (1926-1934) e Manuel Lugrís Freire (1934-1935). A inesperada e precoz morte do prestixioso investigador e editor Martínez Salazar, considerado o herdeiro natural de Murguía, supón un importante revés para a Academia, agravado pola suspensión das remesas procedentes de Cuba e a instauración da ditadura de Primo de Rivera. Aínda así, a incorporación de importantes persoeiros da nova xeración galeguista, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao e Antón Villar Ponte, xunto coa axuda económica chegada da recentemente constituída Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega de Bos Aires, semellaba augurar un espléndido porvir para a nosa institución tronzado, traxicamente, polos sucesos de 1936.

Os anos escuros, 1942-1977

Tras a Guerra Civil, a Academia entra nun estado de semiclandestinidade, moi próximo ao da súa desaparición definitiva. Sometendo a silencio, exilio ou morte á parte máis consciente do galeguismo republicano, o réxime franquista só tolera unha continuidade simbólica e testemuñal da Academia, que non volve constituírse formalmente ata o ano 1943, so a presidencia de Manuel Casás. Malia todo, a entrada na Academia de intelectuais procedentes do chamado "Grupo Galaxia" daralle un novo pulo á institución. Así, por iniciativa de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo dá comezo en 1963, durante a presidencia de Sebastián Martínez-Risco, a celebración do Día das Letras Galegas. Desta maneira, e coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, inaugúrase a conmemoración máis importante da nosa cultura e de maior repercusión social.

Na democracia, 1977-1997

Da longa presidencia de Domingo García-Sabell podemos destacar diversos feitos de importancia histórica, como o Acordo Ortográfico de 1982, o recoñecemento á RAG na Lei de Normalización Lingüística, a creación do Seminario de Lexicografía -no seo do cal se elaboraría o primeiro dicionario monolingüe da RAG- ou, máis tarde, do Seminario de Sociolingüística, que se encargaría da realización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, entre outras achegas. É tamén neste tempo, en 1978, cando se completa o traslado da Academia desde as dependencias municipais ata a súa actual sede no número 11 da rúa Tabernas.

Cara á actualidade

Os catro anos de presidencia de Francisco Fernández del Riego, entre 1997 e o 2001, supuxeron unha apertura sen precedentes na historia da Academia. Durante este período, ingresaron na institución intelectuais de prestixio procedentes dos diversos ámbitos culturais ou científicos, mais, sobre todo, renovouse a vontade de servizo ao País e de participación nos debates do seu tempo. Xa na presidencia de Xosé Ramón Barreiro, proseguiuse a liña de diálogo e asunción de responsabilidades marcada polo seu predecesor. O resultado deste compromiso concretouse en feitos como o Acordo Ortográfico de 2003. Unha vontade de compromiso e implicación na defensa da lingua e cultura de Galicia que pretende ser o constante propósito da Real Academia Galega para o século que comeza.

Conxunto de nove retratos debuxados de Presidentes da Academia
Andrés Martínez Salazar, Francisco Ponte Blanco, Eladio Rodríguez González, Manuel Lugrís Freire, Manuel Casás Fernández, Sebastián Martínez-Risco Macías, Domingo Garcia-Sabell Rivas, Francisco Fernández del Riego e Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h
Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete