Presentación de 'Rosalía 2013'

A Fundación Rosalía de Castro, a Universidade de Vigo e a Academia anuncian a posta en marcha dos actos que conmemorarán o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
Henrique Costas, Méndez Ferrín, Anxo Angueira e Olimpio Xiráldez
Henrique Costas, Méndez Ferrín, Anxo Angueira e Olimpio Xiráldez


"O proxecto da Galicia contemporánea nace coa publicación de Cantares Gallegos", empezou dicindo o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, "e Rosalía está hoxe máis viva que nunca". Deseguido, o presidente da Fundación Rosalía de Castro avanzou o acto co que dará comezo a conmemoración de Cantares, que consistirá na interpretación, por parte de gaiteiros de todo o país, do poema "Alborada", de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, data do nacemento da autora. "Escollemos a 'Alborada'", explicou Angueira Viturro, "por ser este un texto de especial valor político, unha verdadeira chamada ao espertar da nación".

O vicerreitor da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, para quen "Cantares Gallegos é o texto fundacional da nosa literatura", anunciou unha das iniciativas coas que a Universidade de Vigo vai colaborar na celebración de Rosalía 2013: a tradución de cincuenta poemas de Rosalía a cincuenta linguas distintas, cos que se fará unha exposición pública na rúa. A Universidade de Vigo organizará tamén a interpretación musical da "Alborada" o 24 de febreiro en diversos puntos da cidade, así como outras actividades relacionadas con esta efeméride ao longo do ano.

Olimpio Xiráldez, en nome da Asociación de Gaiteiros de Galicia, sinalou que "hai tantas versións da 'Alborada' como gaiteiros en Galicia, pois aínda que se sabe que foi o son dunha gaita o que inspirou este poema, descoñécese que peza en concreto foi a que escoitou Rosalía no momento de concibir a 'Alborada'. Un misterio que dura ata os nosos días a pesar das pescudas de Perfecto Feijoo e Castro Sampedro". A continuación, o gaiteiro animou os gaiteiros de toda a participar na celebración do natalicio de Rosalía coa interpretación desta peza a mañá do 24 de febreiro.

O presidente da Academia, Méndez Ferrín, defendeu que "a literatura galega é a única das que eu coñezo que ten como mito fundador unha muller, un mito colosal que chega intacto ata os nosos días" e continuou afirmando que "o Vigo de 1863 era un verdadeiro refuxio de revolucionarios que se ían acubillar alí despois do fracaso do Bienio Liberal. Isto explica que nesa época coincidisen alí os irmáns Chao, Xosé Fernández e Compañel, que son quen chaman por Murguía e Rosalía e os levan para Vigo, onde poñen en marcha La Oliva, un dos xornais máis avanzados e mellor escritos da súa época, e a imprenta de Compañel, da que sairán os Cantares".

O presidente da Academia rematou a súa intervención destacando: "nós somos un país orgulloso de Rosalía de Castro e por iso precisamos celebrala e tamén exportala, como vén de facer a poeta galego-canadiana Erin Moure, que acaba de traducir os Cantares ao inglés".

Para máis información, aquí pódese consultar a páxina da Fundación Rosalía de Castro.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete