Entrevista a John Rutherford, tradutor de 'Nimbos' ao inglés

O profesor emérito da Universidade de Oxford e membro de honra da Academia, John Rutherford (St Albans, Reino Unido, 1941), vén de traducir Nimbos, de Díaz Castro, ao inglés, publicada na editorial Small Stations so o título de Halos.
John Rutherford
John Rutherford


En primeiro lugar, por que decidiu traducir Nimbos ao inglés e cales foron as maiores dificultades que atopou durante o proceso?
Fixen a tradución de Nimbos grazas á amable suxestión de Jonathan Dunne, dono da editorial Small Stations, que xa publicou varias importantes traducións de textos galegos. Pareceume moi boa a idea de facer a primeira tradución inglesa de Nimbos neste ano en que o seu autor é o escritor celebrado no Día das Letras Galegas.

En canto a dificultades, non habería moitas se non decidise, cando xa ía pola metade do libro, que era necesario traducir non só os significados das palabras que constitúen a poesía de Díaz Castro senón tamén o gran poder dos seus ritmos. Así que fixen unha tradución no só semántica senón métrica tamén, o cal significou unha extensa revisión e reescritura do xa traducido. Pero non intentei rimar, porque iso esixiría certas modificacións semánticas. Descubrín despois que esta era a maneira en que o propio Díaz Castro traducía poesía, así que supoño que a el lle parecería ben o meu método. Os versos máis frecuentes en Nimbos son os endecasílabos e os alexandrinos. O endecasílabo é moi parecido ao tamén clásico pentámetro iámbico inglés, pero aquel permite máis variación rítmica, e algúns dos meus endecasílabos ingleses poden parecer pentámetros iámbicos incorrectos. Outro tanto sucede cos alexandrinos. Pero decidín que pagaba a pena de correr este risco, para presentar ao oído dos lectores de fala inglesa uns ritmos para eles novos e raros e polo tanto interesantes. Parte importante da tarefa do tradutor, para min, consiste en non domesticar excesivamente o texto ao traducilo, para expoñer ao lector a aquilo que é diferente e así ampliar os seus horizontes culturais. Algo que lles fai moita falla aos habitantes desta pequena illa.

Que grao de comprensión do texto de Díaz Castro pode acadar un lector británico de poesía de hoxe en día?
Ao meu modo de ver, o feito de que o mundo de Nimbos sexa moi rural e católico pode crear dificultades, pois a gran maioría dos ingleses habitamos un mundo moi diferente, urbano e laico. Pero Díaz Castro escribe case sempre cunha claridade tan meticulosa que coa súa axuda e cun pouco de imaxinación podemos transportarnos a ese mundo seu tan distinto. Como dixen antes, a tradución existe precisamente para iso, para expoñernos a aquilo que é diferente e así enriquecernos.

Os estudos galegos semellan vivir hoxe un momento de esplendor nos países de fala inglesa, en caso de concordar con esta afirmación, que razóns atopa vostede para explicar este feito?
Creo que si, que os estudos galegos van ben nos países de fala inglesa. Isto débese en parte á fundación nos anos noventa por parte da Xunta de varios Centros de Estudos Galegos, nos cales se formaron os que agora espallan a cultura galega con gran entusiasmo e dinamismo en ditos países.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete