Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

A cédula de identificación de Rosalía


No documento pódese ler o nome completo da poeta: Rosalía Castro Abadía


Esta cédula persoal a nome de Rosalía de Castro foi expedida en Padrón o 23 de outubro de 1884, cando a poeta contaba 47 anos.

A cédula persoal nace en 1874 co fin de substituír a cédula de empadroamento, e, á súa vez, foi substituída polo DNI en 1944. Tratábase dun documento de expedición obrigatoria para todas as persoas maiores de 14 anos e residentes no territorio español, xa fosen desta nacionalidade ou estranxeiros.

O documento tiña unha dobre finalidade: identificadora e tributaria. Como carta de identidade non resultaba moi útil, pois podía obterse sen outro requisito que o do empadroamento, sen que fose preceptivo asinala ante o funcionario.

A súa concepción foi, pois, non tanto a de documento de identificación senón, máis ben, a de xustificante de ter pagado un imposto directo –fixado por niveis de renda- aínda que tamén podía, ou debía, ser usado como carta de identidade en caso necesario. Loxicamente, ao ser un imposto sobre a renda, permitía coñecer a categoría económica á que pertencía o identificado.

En 1884, Rosalía vivía en Padrón con toda a súa familia. É o derradeiro ano da súa vida, pois en 1885 morría enferma de cancro. O mesmo 1884 foi, tamén, o ano da súa última publicación en vida: En las orillas de Sar. Conclúe Rosalía neste libro o ciclo poético que comezara vinte un anos antes coa publicación de Cantares Gallegos.

A cédula que presentamos pertence á colección de documentos históricos da RAG, e a súa forma de ingreso foi o procedemento de compra.

Novas da Academia

Subscríbete