Recursos

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

A Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) recoñécelle á Real Academia Galega o criterio de autoridade para establecer a normativa e ditaminar cal é o uso correcto da lingua. Pídelle tamén a súa actualización e revisión en función do proceso de normalización do uso do galego. Este é o sentido das modificacións á Norma levadas a cabo en 1995 e efectuadas, con maior profundidade, no ano 2003.  Os cambios que se introduciron foron propostos por unha Comisión de Estudo -nomeada pola Academia  e integrada por catro académicos numerarios, tres representantes dos Departamentos de Filoloxía Galega das tres Universidades de Galicia e un representante do Instituto da Lingua Galega- e aprobados pola mesma Academia na sesión plenaria celebrada o 12 de xullo de 2003.
Pódense consultar aquí [4,9 Mb]

Cartografía dos apelidos de Galicia

A Cartografía dos apelidos de Galicia (CAG) é un proxecto do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela que constitúe unha ferramenta para coñecer a difusión territorial dos apelidos de Galicia. Esta ferramenta sérvese dun sistema de información xeográfica que combina a estatística e a análise espacial. A páxina facilita información acerca do número de apelidos que se rexistra en cada concello sobre a porcentaxe de apelidos do mesmo, tendo en conta o número total de apelidos. A información que proporciona a CAG actualízase con regularidade con novas achegas e resulta útil non só para o interese persoal, senón para a investigación en múltiples disciplinas como dialectoloxía, sociolingüística, demografía ou xenealoxía. 
Aquí pódese consultar a Cartografía dos apelidos

Dicionario de alimentación e restauración

Este dicionario recolle aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalentes en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos. A súa finalidade é a de reunir os termos da linguaxe culinaria e gastronómica máis relevantes.
O Dicionario de alimentación e restauración pódese consultar aquí. [PDF 2.9Mb]

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Este dicionario propón un modelo de pronuncia da lingua galega na súa variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala. A súa finalidade última é a de ofrecer un referente de galego oral para os ámbitos públicos, de maneira que a súa fonética sexa máis próxima á do galego histórico (o herdado polos galegofalantes, fronte a outros referentes desenvolvidos por contacto co español) e, xa que logo, máis coherente cos criterios que presiden a formación do estándar escrito do galego. Actualmente, encóntrase integrado no Dicionario da Real Academia Galega 'en liña', pero tamén pode consultarse directamente.

Dicionario galego das telecomunicacións

O DIGATIC (Dicionario Galego de Telecomunicacións) é un proxecto desenvolvido pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG) que pretende pór un amplo léxico técnico en galego a disposición da comunidade tecnolóxica. Desde novembro de 2008, un equipo de tecnólogos, lexicógrafos e deseñadores de aplicacións, entre outros especialistas, traballa na procura dun conxunto proveitoso de termos que facilite a utilización e a propagación da nosa lingua dentro deste ámbito. 
Aquí pódese consultar o DIGATIC

Dicionario galego de televisión

Dicionario galego de televisión nace da necesidade de nomear en galego cada elemento da produción televisiva, permitíndonos comprender e identificar a que nos estamos a referir en cada momento desde as distintas especialidades que interveñen nela: a telecomunicación, a iluminación, a edición, a preprodución, a redacción xornalística, a programación, a análise de audiencias, a deontoloxía, a teoría da comunicación, a xestión de medios, etc. Este dicionario pretende ser tamén unha aposta pola palabra galega, se ben tamén se reollen neoloxismos estranxeiros, a cada termo foráneo. 
Consúltase aquí [2,1 Mb]

Mapa sociolingüístico de Galicia

Desde o ano 1990, o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega desenvolveu diversos e ambiciosos proxectos para a análise e o coñecemento da situación da nosa lingua que permiten deseñar e aplicar medidas de actuación axeitadas á realidade. Entre os diferentes estudos, é salientable o Mapa Sociolingüístico de Galicia (MSG), que consta de tres volumes: Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia (1994), Usos lingüísticos en Galicia (1995) e Actitudes lingüísticas en Galicia (1996). Máis recentemente, levouse a cabo unha actualización do traballo e hoxe contamos con tres volumes do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004:
Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia. V. I [7,4 Mb]
Usos lingüísticos en Galicia. V. II [2,7 Mb]
Actitudes lingüísticas en Galicia. V. III [18 Mb]

Axenda de actos Ver todos
Xoves 30 de maio de 2013 / 10:00 h
Rosalía de Castro no século XXI

Destaques comentados
 
Unha palabra: Exilio
Exiliado, emigrado, desterrado... a expresión da experiencia da expulsión da patria propia sufriu diversas mutacións ao longo da historia. 
Ver máis
Un libro: Armas i triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia (1662)
O primeiro Cronista Xeral do Reino de Galicia, Frei Felipe de la Gándara, concibe na súa obra Armas i triunfos un pobo con identidade propia.
Ver máis
Un documento: O taller de Pondal
A Academia custodia os manuscritos de Pondal, testemuñas do complexo de creación do Bardo bergantiñán.
Ver máis
Prensa:Actitudes respecto da cultura popular
A prensa do século XIX acolleu os primeiros estudos sobre a literatura e as tradicións populares.
Ver máis
Unha peza: Machados de Ambroa
Estes machados de bronce, atopados no Concello de Irixoa, foron doados á Academia por Francisco Vales Villamarín.
Ver máis

Imaxe da portada do folleto dos cursos de verán XXVI Curso de verán de galego para estranxeiros
A información para a inscrición neste curso pódese descargar aquí. [0,9 Mb]

Cuberta do Boletín 371, dedicado ao Congreso Novoneyra Boletín nº 371
O Boletín da Real Academia Galega chega ao número 371. Pode descargarse directamente aquí. [3,4 Mb]

 

Cadernos de Lingua nº 34
PDF completo do último Caderno editado. [3.6 Mb]

Imaxe de portada das Normas Ortográficas do Galego Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego 
As Normas poden descargarse directamente aquí. [4,9 Mb]