29 de marzo de 2008.-
O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o 29 de marzo de 2008, acordou nomear académica electa a dona Margarita Ledo Andión, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario don Miguel Anxo Araúxo Iglesias.
Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, Terra Chá, 1951), escritora, cineasta, é actualmente catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela. Estudou xornalismo na Escola Oficial de Barcelona e foi lectora da Facultade de Letras do Porto (Portugal). De volta en Galicia, puxo en marcha e dirixiu durante tres anos o semanario nacionalista A Nosa Terra. Anos despois, exerceu a docencia na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Autónoma de Barcelona, fixo o doutoramento e, de volta outra vez en Galicia, organizou a Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago, da cal foi decana. Os seus estudos profesionais, de gran novidade, están plasmados en varios libros e en numerosas colaboracións en revistas.
Como poeta, publicou dous importantes libros nos primeiros anos da década dos setenta, dentro dunha estética máis avanzada ca a dominante naqueles anos, e que en gran medida anuncian camiños que se impuxeron máis tarde. Margarita Ledo Andión, aínda que a súa activa vida de profesional da información poida facer esquecelo ás veces, é unha das personalidades literarias máis interesantes do noso tempo.
A destacar entre a súa obra fílmica, a dirección e guión da longametraxe Santa Liberdade (2004) e Liste, pronunciado Líster (2007).