27 de xuño de 2009.-
Bernardino Graña Villar naceu en Cangas do Morrazo en 1932. O seu pai, mestre republicano que perdeu a súa praza unha vez comezada a guerra e que tivo que sobrevivir grazas ás academias que rexentou en Ribadavia e en Cangas, foi o seu mellor mestre e introduciuno no gusto pola literatura, a arte, a historia e as materias relativas ás humanidades en xeral, polo que desde ben mozo tivo unha preparación importante.
Esta preparación levouno a ser poeta precoz. Estando no Instituto Santa Irene de Vigo coñeceu a Faustino Rei Romero e a través del contactou con Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e outros e comezou a publicar na revista viguesa Alba.
Despois da facer o bacharelato comeza a súa carreira universitaria na Universidade de Santiago de Compostela no curso 1953-1954 e ao pouco de chegar sae gañador nas Festas Minervais con poemas en galego e castelán. Comeza a relacionarse con ilustres galeguistas como Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño ou Ramón Piñeiro. Participou como articulista en La Noche, tarefa que seguiu despois no Faro de Vigo. Debido a problemas con certos profesores, abandonou os estudos en Compostela e comezounos de novo en Salamanca.
Nesta cidade a súa actividade cultural e antifranquista foi maior. Alí formou parte do grupo poético La Marabunta, publicou na revista Clavero, así como noutras moitas revistas como Ixbiliah, Ágora e Dabo.
Despois trasladouse a Madrid para estudar a especialidade de Filoloxía Románica.
Madrid foi unha das etapas máis importantes de Bernardino. Alí formou parte do Grupo Brais Pinto e publicou o seu primeiro poemario (Poema do home que quixo vivir) en 1958, adscrito na tendencia poética que se deu en chamar "Escola da Tebra", claramente influenciada polo existencialismo, tan presente naqueles anos. En Brais Pinto desenvolveu xuntamente cos outros compañeiros numerosas actividades a prol do país máis alá da editorial que levaba o mesmo nome.
Rematada a carreira, aparece en Lugo, no Colexio Fingoi, onde se beneficia dunha bolsa para recompilar e estudar os contos de tradición popular da provincia de Lugo, baixo a supervisión de Carballo Calero, reunidos no libro Contos populares da provincia de Lugo (Vigo, Galaxia, 1963). Tamén recompilou moito léxico da zona do Morrazo para o Suplemento do Diccionario de Eladio Rodríguez.
Neste tempo publica 20 mil pesos crime (1962) e Profecía do mar (1966), gaña por oposición unha praza de catedrático de Instituto e pasa varios anos primeiro en Reus e despois en Zaragoza ata volver a Galicia e xubilarse como catedrático na súa vila natal de Cangas en 1991. Desde entón publicou moitos libros e realizou moitas actividades. Destacamos entre elas a súa presenza na Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que foi presidente en dúas ocasións e da que recibiu unha homenaxe no ano 1995, e tamén a concesión do Pedrón de Ouro.
Bernardino Graña é un autor cunha personalidade moi forte e cunha concepción da literatura moi clara e foi quen de escribir obras importantes en todos os xéneros literarios, incluído o xornalismo. Home intelectualmente inquedo, non se axustou a modas literarias pasaxeiras. Mentres en Galicia moitos autores estaban escribindo poesía social nos anos setenta, el xa se adiantara lanzando no ano 1966 o seu Profecía do mar, alfaia poética que se converteu no seu momento nunha icona literaria do país, e fronte a outras correntes da narrativa galega, publica Fins do mundo en 1974. Alén diso, foi un dos primeiros en preocuparse por un teatro moderno e de calidade con 20 mil pesos crime (1962), primeira obra de tema policial e con influencias dos grandes autores europeos do século XX.
Mención especial merécea a súa dedicación á literatura infantil, con numerosas contribucións moi aprezadas polos rapaces, como os inesquecibles O león e o paxaro rebelde (1969) ou O Gaiteiro e o rato Pérez (1994). Tamén foi pioneiro no teatro destinado a esta clase de público co seu Sinfarainín contra don Perfeuto (1975) e Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán) (1979).
A súa última novela, Protoevanxeo do neto de Herodes (2006), foi Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa, na cal, fronte ás novelas sensacionalistas sobre a vida de Xesús, presenta unha novela histórica amplamente documentada e que supera en calidade literaria a moitas obras publicadas con esta temática.
Bernardino Graña sempre estivo comprometido con Galicia e coa súa lingua e polo súa produción literaria ocupa un posto destacado na literatura do noso país. Nestes momentos en Cangas do Morrazo estase procedendo á creación dunha Fundación na súa honra.