| |
María Mariño deixounos unha breve pero intensa obra poética galega conformada polos poemarios Palabra no Tempo (Editorial Celta, Lugo, 1963) e Verba que comenza (Concello de Noia, 1990) e recollida no libro Obra completa (Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1994). É esta a obra dunha inusitada voz de muller popular galaica creadora dun mesto mundo mariñán, propio e intransferible, nacido dunha poética radicalmente intimista e dunha linguaxe absolutamente rupturista, inventada precisamente para expresar a inefabilidade desa extrema experiencia mística persoal luminosamente sombría. Nos seus versos agroma un irracional universo escuro cheo dun misterio esencial preñado do máis intenso pulo da razón cordial de vida que xira en torno aos temas esenciais da palabra, o tempo, a terra, o mar, o eu, o mundo, a chamada, a esperanza, a dor, a angustia, a melancolía, a nenez e a morte, e aos motivos máis destacables das estacións do ano, do camiño, da pegada, do peito, do pulo, da loita, do tecer, do pan, da "hora miña" ou da vida nova.
Carme Blanco |
|
|
|