|
Texto: Darío Xohán Cabana
| |
BIOGRAFÍA |
|
|
|
| |
Xosé María Álvarez Blázquez naceu en Tui o 4 de febreiro de 1915, terceiro dos seis fillos, todos homes, do médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses e de María Blázquez Ballester, procedente dunha familia colonial cubana. Seu avó paterno, Emilio Álvarez Jiménez, sanabrés de nacemento e moi viaxado antes de aveciñarse en Pontevedra, foi o primeiro escritor en lingua galega da familia, coa obra de teatro histórico María Castaña ou unha revolta popular; seu tío e padriño Xerardo Álvarez Limeses sería o segundo, e proporcionaría, co título do libro dos seus versos, nome para a chamada promoción de Antre dous séculos. Dos seus irmáns, Celso morreu de mozo, e Alfonso, home culto e encantador, abstívose coidadosamente de deixar obra pública; pero Darío, o máis vello, médico coma o pai, foi tamén escritor, agudo ensaísta e conferenciante; Emilio, fino prosista e excelente poeta, deixou unha obra avara pero de gran calidade; e Álvaro, o máis novo, foi un notable artista plástico, creador do pioneiro obradoiro Serigrafía Galega.
Contra 1930, Xosé María publica os seus primeiros poemas en xornais de Pontevedra e Tui, e en 1931 empeza estudos de Maxisterio; no ano seguinte publica Abril, primeiro libro de poemas, en castelán, e funda, con Xoán Vidal Martínez, a revista Cristal. En 1933 ingresa nas Mocedades do Partido Galeguista, e no ano seguinte, por suxestión de Alexandre Bóveda -seu curmán por matrimonio- organiza en Pontevedra un acto conmemorativo no que pronuncia o discurso Berro en lembranza dos herois de Carral, inmediatamente impreso pola Federación de Mocedades.
En 1935 ten o seu primeiro destino como mestre na Guarda. En 1936, feitos os vinte e un anos, ingresa no Partido Galeguista, é destinado en Vigo, remata o libro de relatos Os ruíns, empeza a estudar Filosofía e Letras. En xullo, o pobo republicano de Tui resiste heroicamente a rebelión militar; na cabeza da resistencia está o doutor Darío Álvarez Limeses, que será fusilado o 30 de outubro polas autoridades traidoras xunto con outros cinco camaradas. Xosé María é sancionado e desterrado á escola de Coreses, na estepa zamorana, pero non toma posesión porque ten que servir no Hospital Militar San Caetano de Santiago.
Volto á vida civil, exerce como mestre en Coreses ata que en 1941 pide a excedencia voluntaria e se instala en Vigo para montar, con seus irmáns, unha fábrica de tellas e ladrillos en Nigrán, que tivo que pechar en 1945. Neste ano empeza a traballar como secretario na confraría de pescadores de Vigo, e queda finalista no I Premio Nadal de novela con En el pueblo hay caras nuevas. A finais de 1946 casa con María Luísa Cáccamo Freiben, coa que tería seis fillos: María Luísa, chamada Colorín, que morrería mociña; Xosé María, o gran poeta; Alfonso, poeta tamén, e sobre todo fecundo e hábil narrador; Helena, actriz de teatro independente na súa primeira mocidade; Celso, filólogo e poeta; e Berta, a magnífica pintora. En 1948 funda, con Viñas Cortegoso, a libraría anticuaria Monterrey que, á parte de axudarlle a vivir, lle serviu nas súas obstinadas procuras, tan ben coroadas por tantos éxitos, de escritos en lingua galega dos séculos escuros. En 1949 publica con seu irmán Emilio o libro Poemas de ti e de min, e é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo. Ó ano seguinte funda, tamén con Viñas Cortegoso, a Editorial Monterrey, e publica nela o belísimo libro de poemas Roseira do teu mencer, dedicado á súa filla Colorín.
En 1952 publica en Galaxia a súa monumental escolma da nosa poesía medieval clásica. En 1953 ten un dos seus maiores gozos da súa intensa vida de arqueólogo: o descubrimento dun rico conxunto de estelas funerarias romanas que hoxe enriquecen o Museo de Castrelos. Empeza a colaborar na radio, actividade na que seguiu ata case a fin da súa vida en diversos programas. En 1954 publica o fermoso Romance do pescador pelerino, e obtén o premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires polo libro de poemas Canle segredo, que infelizmente tardaría máis de vinte anos en publicarse.
En 1955 e 1956 publica dúas novelas en castelán, Las estatuas no hablan e Crecen las aguas. Son anos de intensa actividade literaria e publicística dirixida a complementar os seus pouco abondosos ingresos; gaña diversos premios literarios: o Galdós e o López Cuevillas de novela, o da Asociación da Prensa de Vigo por un traballo sobre Martín Codax, o Ramón Mourente por outro sobre Francisco Añón, tres premios dun golpe nos Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães... Participa en congresos e encontros científicos, principalmente en Portugal. En 1959 sae a súa importantísima escolma da poesía galega dos séculos escuros, e en 1962 é elixido membro numerario da Academia Galega, na que ingresará en 1964 cun discurso sobre Cantares e romances vellos prosificados. Neste ano funda tamén con seus irmáns as Edicións Castrelos, que comezan a publicar a colección Cuadernos de Arte Gallego, gran novidade na época.
A principios do 1966 trasládase a Oviedo como axente de vendas de Pescanova, e en setembro leva a familia. Pero ó descubrise a mortal doenza de Colorín -un cancro do sistema linfático-, ó ano seguinte volven para Vigo, quizabes por estar cerca do irmán médico. É daquela cando, na procura da subsistencia, Xosé María se profesionaliza como editor, creando as coleccións O Moucho e Pombal. En 1968 empeza tamén a traballar como profesor contratado no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro de Vigo, chamado Escola Náutico-Pesqueira, praza que consolidaría por oposición en 1970. En 1969 viaxa á Arxentina, invitado polo Centro Galego de Bos Aires, e desde alí vai a Caracas, onde reside o seu sobriño Darío Álvarez Gándara e o seu querido amigo Celso Emilio Ferreiro, e a Miami, para ver a seu curmán o escritor Xerardo Álvarez Gallego. En 1970 morre Colorín.
Os derradeiros sesenta e os primeiros setenta son anos de grande actividade editorial, nos que Xosé María converte as Edicións Castrelos en símbolo e instrumento da popularización do libro galego que forma parte do proceso político que vive Galicia naqueles mesmos anos, coa organización política do novo nacionalismo galego e as súas densas ramificacións culturais. Á parte do seu labor editorial, Xosé María participa de varios modos neste florecer, ditando maxistrais conferencias, como por exemplo a que pronunciou na Asociación Cultural de Vigo o 22 de decembro de 1972 sobre a cultura dos castros, na que conxugaba o severo rigor científico coa máis afoutada arenga política. En 1976 é nomeado Cronista Oficial da Cidade de Vigo; cronista non oficial xa levaba moitos anos séndoo, e xa en 1960 publicara as case seiscentas densas páxinas do libro La ciudad y los días, exemplo de historia local rigorosa e refractaria ás fantasías, e asemade escrita cun entusiasmo e un estilo tan conmovedor coma a ideoloxía que transparece, progresista, liberal e galeguista, impregnada de amor ó pobo traballador. E tamén en 1976 publica, por fin, Canle segredo, na colección Pico Sagro das Edicións Castrelos.
En 1977 a súa muller María Luísa sofre unha meninxite que a pon ás portas da morte, e que acaba deixándoa totalmente xorda. En 1979 morren seu irmán Darío, e seu outro irmán Celso Emilio Ferreiro. Nese mesmo ano, carecendo de continuadores, Xosé María véndelle os fondos de Edicións Castrelos a Galaxia. Pensaba dedicar o tempo suplementario a ordenar e preparar para a edición todos os seus achados literarios dos Séculos Escuros, pero por unhas cousas e outras isto non foi posible. Diversos honores esmaltan os que xa eran os derradeiros anos da súa vida, entre eles o Pedrón de Ouro no ano 1981. En 1982 imprímese o seu libro Alexandro Bóveda. Apunte biográfico, nunha edición que logo non foi distribuída polo editor, e que só se divulgaría realmente, en nova edición póstuma, unha década máis tarde. Neste ano escribe o poema Solpor, verdadeiro diamante da lírica galega. En 1983 xubílase como mestre da Náutico-Pesqueira, e pecha simbolicamente a candidatura do Partido Galeguista nas eleccións municipais de Vigo. Pero xa estaba moi enfermo, e non puido traballar máis. O 2 de marzo de 1985 morre en Vigo, por culpa da afección cardíaca que padecía desde había anos.
Na súa madurez, Xosé María era un home de mediana estatura, un pouco groso, pero moi áxil de movementos, e de moita habilidade manual; ademais do piso na Gran Vía de Vigo, tiña unha casa na praia de Coruxo onde traballaba de albanel ou de carpinteiro, por aforro e por gusto. Andaba moi dereito sen tesura, e daba sensación de elegancia en calquera situación. O tempo prateáralle os cabelos rizos, e fixéralle xa cedo dúas fondas entradas que nunca chegaron a converterse en calva. Tiña un fermoso nariz curvado, e era en conxunto un home guapo. Padecía ictiose, unha doenza conxénita que se lle manifestaba nunhas como escamas na pel das mans, e que el por brinqueta atribuía a que os Limeses, coma os Mariño, son unha estirpe descendente de sereas do mar. Máis lle deu que facer a diabete, que o atormentou bastante nos derradeiros anos. Fora quedando bastante xordo, e precisaba audiófono, que levaba integrado nas lentes; pero algúns días oía mellor ca outros, e gustáballe moito conversar: falaba moi ben, e tiña un luído sentido do humor. Era moi cordial e xeneroso do seu tempo coa xente nova que acudía a el atraída polo seu saber e o seu galeguismo. Bebía máis ben pouco, pero gustáballe moito o viño bo, especialmente o branco do Condado "con albariño, treixadura e loureira", e mais se o acompañaba cunhas ostras na Pedra. Na casa de Coruxo, que tiña unha gran parra, facía unha purrela espantosa que bebía por disciplina. Comer tamén lle gustaba bastante, e asaba moito ben os chourizos na cheminea, que el pronunciaba sempre «cheminé». Fumaba un paquete de ducados ó día. O seu carácter era en xeral apracible, pero ás veces entrábanlle unhas cóleras formidables. Infelizmente, tivo que traballar moito para subsistir con dignidade el e mais os seus; non gozou "nin buscou" ningún privilexio nin sinecura que lle permitise dedicarse integramente ós seus estudos. Amaba sobre todas as cousas a súa muller, os seus fillos e os seus irmáns, e tivo algunhas amizades especialmente fondas, coma as de Celso Emilio Ferreiro ou Pedro Díaz. Mantiña vivo o odio a Franco coma o primeiro intre, e foi sempre fiel ás súas conviccións galeguistas e republicanas, cunha inclinación sentimental cara á esquerda e unha simpatía instintiva polos pobres do mundo. |
|







|
|
Volver
| |
A OBRA LITERARIA
Xosé María Álvarez Blázquez publicou en vida tres libros de versos: Poemas de ti e de min (1949), a medias con seu irmán Emilio pero con autorías ben diferenciadas; Roseira do teu mencer (1950), e Canle segredo (impreso en 1976, pero escrito entre 1951 e 1953). Deixou tamén un bo número de poemas soltos, inéditos ou publicados en revistas ou folletos, coma tal o fermoso "Romance do pescador peleriño" (1954), ou os epigramas que asinaba co pseudónimo Pepe do Rollo; e é xustamente célebre o engano -rapidamente desfeito por el mesmo- que causou a publicación, no día dos Santos Inocentes de 1953, do seu Cancioneiro de Monfero, con cántigas tan imitantes ás medievais que o mesmo Rodrigues Lapa as creu auténticas. Metido en grandes angueiras doutro tipo, nos seus derradeiros vinte anos escribiu moi pouca poesía lírica; pero ás veces, case como obrigado pola emoción, construía algún poema tan absoluto coma o derradeiro, datado no 29 de agosto de 1982 e titulado "Solpor", que comeza "Xa non é tempo de falar das rosas".
Se Poemas de ti e de min paga un belo tributo ó popularismo, ó imaxinismo e ó neotrobadorismo, moito no ronsel de Amado Carballo e un pouco no de Bouza-Brey -mais cunha habelencia e unha graza que a miúdo o fan superar os mestres e atuarse con Cunqueiro-, Roseira do teu mencer, que permanece fiel ás mesmas liñas formais, constitúese como un libro profundamente conmovedor, pois ninguén tiña cantado tan altamente na nosa lingua a emoción gozosa da paternidade. En canto a Canle segredo, escrito nel mezzo del cammin pero inédito durante máis de vinte anos, é un libro grave, sabio e fondo do que Ferrín dixo que se se publicara no tempo en que foi escrito tería sido o sinal dun cambio de rumbo da poesía galega. Pero tamén se pode sospeitar que, aínda inédito, tivese algunha influencia; naqueles duros anos da longa noite de pedra, mesmo sen se publicaren, os poemas circulaban, e un dos que leron Canle segredo con proveito foi sen ningunha dúbida Celso Emilio Ferreiro, amigo especialmente íntimo de Xosé María.
A obra poética de Xosé María Álvarez Blázquez tivo nas antoloxías derradeiras unha fortuna moi inferior -ou mesmo infinitamente inferior- ó seu valor real. O volume da súa Poesía galega completa -que non é completa de todo-, preparado polo seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo, recolle unha obra máis ben breve na que se contan algúns dos máis fermosos poemas xamais escritos na nosa lingua, e o conxunto deles é sen dúbida ningunha un dos máis valiosos da súa xeración.
A obra narrativa en galego de Xosé María Álvarez Blázquez é de menor importancia, non por calidade, senón pola súa extrema brevidade. Os cinco relatos d'Os ruíns impresos na revista Nós, 1936 (pero non distribuídos), xunto cos cinco d'A pega rabilonga, de feitío moi clásico, máis ben oteriano, son practicamente a súa totalidade. Como é ben sabido, nos anos da posguerra, sempre á beira do que para un fillo do médico fusilado de Tui era a pobreza material, e logo xa casado e cos fillos vindo, Xosé María intentou case desesperadamente gañar diñeiro por diversos medios; un deles foi a literatura, e concretamente a novela, para a que estaba moi ben dotado. Así foi que escribiu varias novelas en castelán, coas que gañou diversos premios e obtivo un mediano éxito editorial. As mellores destas novelas -Crecen las aguas, En el pueblo hay caras nuevas- fóronlle restituídas en certo xeito á nosa literatura polo seu fillo Alfonso Álvarez Cáccamo, que as traduciu ó galego cos títulos de Enchen as augas e Na vila hai caras novas. |
|



|
|
Volver
| |
O ERUDITO GALEGUISTA |
|
|
|
| |
Xosé María Álvarez Blázquez foi o exemplo perfecto do que antes se chamaba, e aínda se chama ás veces, un polígrafo. A historia xeral e local, a arqueoloxía, a literatura, foron só algunhas das erudicións que cultivou. Pero quizabes o máis transcendental da súa obra erudita é a inmensa contribución que fixo á conformación do canon literario galego, nas súas dúas facetas de alto divulgador e de descubridor de textos.
A primeira faceta está representada polo tomo I da Escolma de Poesía Galega, publicado por Galaxia en 1952, que establece un amplísimo canon da nosa poesía medieval clásica, nunha selección esteticamente acertadísima, cunhas notas biográficas e uns comentarios críticos dunha perspicacia abraiante. Esta grande antoloxía -aínda non superada- foi un fito histórico, pois por primeira vez o público lector non erudito entrou naquel inmenso mundo, da man dun guieiro único, coma pola súa casa. A apropiación popular moderna da poesía trobadoresca non se dá coma entre nós en ningunha outra das nacións posibles -Portugal, Occitania, Cataluña, Francia, Alemaña-. O caso senlleiro de Galicia é obra de Xosé María Álvarez Blázquez, e este non é un dos seus menores méritos.
A segunda faceta simbolízase ben -aínda que dista moito de esgotarse aí- no tomo II da mesma Escolma de Poesía Galega, publicado en 1959, que recolle a poesía do XIV ó XIX, en gran parte -especialmente a dos chamados Séculos Escuros- descuberta polo propio Xosé María no seu continuo labor de esculca de bibliotecas e de arquivos que lle deu infinidade de alegrías -moitas tamén en prosa- ó longo da súa vida. Unha das máis grandes foi seguramente o achado da Égloga de Belmiro e Benigno de Pastor Díaz, que publicara xa en 1951 en fermosa edición de Monterrey.
Erudito non aséptico, senón patriota, Xosé María Álvarez Blázquez realizou outras importantes achegas en materia de literatura popular e culta, de arqueoloxía, de historia, de etnografía, e ditou gran número de conferencias e discursos, entre os cales cómpre reparar no primeiro do que hai noticias, pronunciado no 1934 e titulado Berro en lembranza dos herois de Carral. Este mesmo espírito militante sería o do seu derradeiro libro impreso en vida, libro aínda máis doloroso por tratar de quen fora seu xefe político, amigo persoal e mesmo curmán por matrimonio: Alexandro Bóveda. Apunte biográfico (1983). |
|


|
|
Volver
| |
|
|
|
|
| |
O EDITOR
É coñecido, aínda que non abondo, o papel de Xosé María Álvarez Blázquez como editor na longa noite de pedra. En 1950 fundou, con Luís Viñas Cortegoso, a Editorial Monterrey, que conta -entre outros timbres de gloria- co mérito histórico de amparar o nacemento da chamada Nova Narrativa Galega publicando os libros fundacionais de Rodríguez Mourullo; e a beleza das súas edicións para bibliófilos quizabes nunca foi igualada en Galicia. Pero aínda máis importante foi a segunda xeira, iniciada en 1967, das Edicións Castrelos, obra persoal exclusivamente súa. As coleccións O Moucho e Pombal significaron a perforación dos muros do gueto en que vivía a literatura galega, a conquista da rúa e, verdadeiramente, das masas. Por primeira vez, as edicións alcanzaban os tres mil e mesmo os cinco mil exemplares con toda naturalidade. E o milagre non era casual: correspondía ó espírito do tempo, ás condicións obxectivas ben interpretadas, racionalmente ou instintivamente, por un grande editor, que ademais foi capaz de montar -e este foi un alicerce fundamental do seu éxito- unha estrutura de distribución dunha amplitude absolutamente nova. En 1975, Edicións Castrelos distribuía os seus libros nunhas 230 librarías, papelarías, quioscos e, por raro que hoxe nos pareza, ferraxarías, estancos e tendas de ultramarinos de Galicia. As outras editoriais da época traballaban aproximadamente coa terceira parte de puntos de venda.
Ás Edicións Castrelos débeselles o fenómeno da Colección O Moucho, libros do pobo pra o pobo; pero tamén a popularización da obra de Rosalía e de Curros, e mais aínda da do propio Pondal, que estaba reducida a moi pequenas minorías e se vendeu por milleiros de exemplares na Colección Pombal. E tampouco non se esquecían os contemporáneos: Celso Emilio Ferreiro, Xosé Neira Vilas, Méndez Ferrín, Xohana Torres ou Manuel María. Ben pode afirmarse que a obra como editor de Xosé María Álvarez Blázquez é unha das máis intelixentes e importantes da nosa historia, e que neste eido o seu nome debe escribirse ó carón dos de Soto Freire, Martínez Salazar e Ánxel Casal. |
|

|
|
Volver
| |
BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL EN GALEGO (PUBLICACIÓNS EN FORMA DE LIBRO)
|
|
|
|
| |
OBRA LITERARIA |
|
|
|
| |
-Poemas de ti e de min [con Emilio Álvarez Blázquez], Colección Benito Soto, Pontevedra, 1949. -Roseira do teu mencer, Edicións Monterrey, Vigo, 1950. -Cancioneiro de Monfero (Século XIII), Edicións Monterrey, Vigo, 1953. -Romance do pescador peleriño, Edicións Monterrey, Vigo, 1954. -Canle segredo, Editorial Castrelos, Colección Pico Sagro, Vigo, 1976. -Poesía galega completa, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1987. [Inclúe os libros e folletos e mais un apartado de Inéditos e dispersos.] -A pega rabilonga e outras historias de tesouros, Editorial Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1971. -Alexandro Bóveda. Apunte Biográfico. A Coruña, 1982 (edición secuestrada). Edición distribuída: Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.
|
|
|
|
| |
AS GRANDES ANTOLOXÍAS |
|
|
|
| |
-Escolma de poesía galega. I: Escola medieval galego-portuguesa, Editorial Galaxia, Vigo, 1952. -Escolma de poesía galega. II: A poesía dos séculos XIV a XIX, Editorial Galaxia, Vigo, 1959. -Escolma da poesía medieval, Editorial Castrelos, Colección Pombal, Vigo, 1975 [versión ampliada e revisada da de 1952.]
|
|
|
|
| |
ANTOLOXÍAS MENORES |
|
|
|
| |
-Cancioneiriño da Virxe. Escolma de cantigas populares, Edicións Monterrey, Vigo, 1954. -Cantos de Nadal, Aninovo e Reis, Edicións Castrelos, Colección Pombal, Vigo, 1967. -Refraneiro do viño, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1968 [sen sinatura, pero feito por el]. -Cantigas do viño, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1968 [sen sinatura, id.]. -Sal e pementa. Escolma de Epigramas, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1968 [sen sinatura, id.]. -O libro do marisco, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1968. -O libro da caza, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1969. -O libro do porco, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1972. -Cantares de cego, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1974. -Castelao: Cousas, terceiro libro, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1975 [textos recuperados]. -Os nomes da terra, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1976 [co pseudónimo de Celso de Baión]. -Luís Amado Carballo. Vida e obra. Escolma de textos, Publicacións da Real Academia Galega, A Coruña, 1982.
|
|
|
|
| |
ALGUNHAS EDICIÓNS E TRADUCIÓNS CON LIMIARES E NOTAS |
|
|
|
| |
-Poesías galegas de Nicomedes Pastor Díaz, Edicións Monterrey, Vigo, 1951. -Os tesouros de Galicia. O Ciprianillo, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1974. -Quevedo: O soño das caliveras, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo, 1970. -Rosalía de Castro: Follas novas, Edicións Castrelos, Colección Pombal, Vigo, 1967 [sen sinatura, pero a edición e o prólogo son de XMAB]. -L. Amado Carballo: Obras en prosa e verso, Edicións Castrelos, Colección Pombal, Vigo, 1970 [prólogo de X. L. Méndez Ferrín; a recompilación e edición, sen mención de responsabilidade, é de XMAB]. -Eduardo Pondal: Queixumes dos pinos e outros poemas, Edicións Castrelos, Colección Pombal, Vigo, 1970 [sen sinatura, pero a edición e o prólogo son de XMAB]. -M. Curros Enríquez: Aires da miña terra e outros poemas, Edicións Castrelos, Colección Pombal, Vigo, 1971 [sen sinatura, id.].
|
|
|
|
| |
SOBRE XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ |
|
|
|
| |
-Álvarez Cáccamo, Alfonso: Xosé María Álvarez Blázquez, Ir Indo Edicións, Vigo, 1994. -Álvarez Cáccamo, Xosé María: Memoria de poeta, Editorial Galaxia, Vigo, 2006.
|
|
|
|
Volver
|