Cursos de verán de lingua e cultura galegas
Os Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e para españois de fóra de Galicia (en principio eran só para estranxeiros) iniciáronse en 1988 mediante un convenio de colaboración entre a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e o Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela. A partir de 1993 o convenio estableceuno a devandita Dirección Xeral (hoxe Secretaría Xeral) coa Real Academia Galega (RAG), a través do seu Seminario de Lexicografía, e contouse sempre co ILG para as tres institucións organizaren conxuntamente uns cursos que teñen como finalidade proporcionarlles aos participantes a oportunidade de se familiarizaren coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia.
O destinatario dos cursos é o alumnado e o profesorado universitario que estea interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, o vencellado aos centros de estudos galegos das universidades de fóra de Galicia. A estes cursos de verán poden acudir cidadáns maiores de idade de fóra de España e españois de fóra de Galicia.
O programa contén clases de comprensión e expresión escrita e oral da lingua galega, á vez que se programan conferencias sobre literatura, historia, arte e outros eidos socioculturais de Galicia, xunto con películas e documentais en galego. Realízanse diversas actividades complementarias nas semanas dos cursos e xornadas completas de inmersión lingüística e cultural en comarcas de interese cultural e paisaxístico. Na XXV edición dos cursos haberá dúas destas xornadas (os sábados 14 e 21 de xullo), unha na Galicia interior e outra na Galicia da beiramar.
O programa lectivo desenvólvese de luns a venres: nos niveis elemental e medio as clases de comprensión e expresión escrita son de 9:30 a 11:30 horas e as de comprensión e expresión oral son de 16 a 17:30 horas, mentres que os seminarios do Curso Superior de Filoloxía Galega son de 9:30 a 11:30 horas. As actividades diarias extradocentes (conferencias e proxeccións de cinema e de documentais con posterior coloquio) realízanse en única sesión para o alumnado de todos os niveis, de 12 a 13:30 horas.
Nesta XXV edición os materiais dos niveis elemental e medio serán os elaborados para o Celga, consultables no sitio web http://www.xunta.es/linguagalega/celga. Entregaráselle a cada estudante un exemplar dos materiais do Celga: aos do nivel elemental 1, os do Celga 1; aos do elemental 2, os do Celga 2; e aos do medio, os do Celga 3. Ademais, entregarase outro material complementario preparado polo profesorado de cada nivel e un exemplar abreviado das Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega.
O Curso Superior de Filoloxía Galega constará de catro seminarios nos que se tratarán os seguintes temas: problemas de lingüística galega sincrónica; textos e autores da literatura galega contemporánea; formación e historia social da lingua galega; variación e cambio lingüístico no galego actual. Á parte do material específico de cada seminario fornecido polo profesorado, ao estudantado deste Curso Superior entregarásalle un exemplar dos materiais do Celga 4 e outro da última edición das devanditas Normas ortográficas e morfolóxicas, que conteñen a normativa vixente da lingua galega.
O profesorado dos niveis elemental e medio son titulados ou investigadores en lingua galega dos Seminarios de Lexicografía e de Gramática da RAG e de diversas seccións do ILG, con experiencia no ensino da lingua. O profesorado do Curso Superior son profesores con docencia no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (e algúns á vez son investigadores do ILG e académicos numerarios da RAG).
Manuel González González encargouse da dirección dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas entre 1988 e 2007, mentres que Francisco Fernández Rei é o seu director desde 2008 á actualidade. En opinión deste último: "os Cursos de verán son moi útiles para que estranxeiros e españois non galegos poidan coñecer e enchouparse da nosa lingua e da nosa realidade sociocultural; para uns será o primeiro contacto, mentres outros virán ampliar o coñecemento e a visión que xa tiñan do idioma e da situación de nós outros, os galegos. A miña arela, e creo que a comparte moita xente que participou na organización e na impartición de clases e conferencias, é que alumnos e alumnas se convertan en embaixadores da cultura galega na súa patria de orixe, que a investiguen e a espallen; e que cando estean en Galicia sexan amablemente intransixentes no uso diario do galego, pois o feito de que o fale con total naturalidade un non galego, co seu acento foráneo, leva aparellado un plus que descoloca a xente galega que ten prexuízos sobre o valor e a utilidade da lingua propia de Galicia, á vez que é un motivo de orgullo para quen aquí traballa arreo pola plena normalización do idioma. Despois de participar nestes Cursos de verán desde a súa creación en 1988, primeiro como profesor ou conferenciante, ultimamente como director, podo dar fe de que bastantes alumnos e alumnas que acudiron a Santiago realizan esa dobre función, a de embaixadores (e investigadores) fóra e a de brigadistas da lingua aquí".
| - Folleto informativo e folla de inscrición [0,4 Mb] Vídeos dalgunhas das actividades realizadas en anteriores cursos: |
| Axenda de actos Ver todos |
| Venres 24 de maio de 2013 / 20:00 h Presentación de Amada liberdade, de Fernando Pérez-Barreiro Nolla |
| Xoves 30 de maio de 2013 / 10:00 h Rosalía de Castro no século XXI |
| | XXVI Curso de verán de galego para estranxeiros A información para a inscrición neste curso pódese descargar aquí. [0,9 Mb] |
| | Boletín nº 371 O Boletín da Real Academia Galega chega ao número 371. Pode descargarse directamente aquí. [3,4 Mb] |
| | Cadernos de Lingua nº 34 PDF completo do último Caderno editado. [3.6 Mb] |
| | Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego As Normas poden descargarse directamente aquí. [4,9 Mb] |


