Volver á páxina de selección de idiomas
     
 
Historia da Real Academia Galega

Casa da rúa Tabernas, 11

Xosé Fontenla Leal

Estatutos da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega na Habana

 

 

Os iniciadores
Manuel Murguía
Sebastián Martínez-Risco
Francisco Fernández del Riego
Xosé Ramón Barreiro Fernández

 Nos prolegómenos do seu centenario...

A punto de ingresar na nómina das institucións centenarias, a Real Academia Galega preséntase nos albores do século XXI como un organismo cultural dinámico e con vocación e proxección de cara ao futuro. 

Atrás queda unha traxectoria difícil que discorre en paralelo coas dificultades e atrancos polos que transitou historicamente a cultura galega. A necesidade da creación dunha Academia, sentida e exposta individualmente por diversos escritores durante o século XIX, non chegará a frutificar ata o 30 de setembro de 1906, data oficial da súa constitución de iure no salón da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos. Un ano antes, o 12 de outubro de 1905 concretamente, presentáranse os Estatutos no Goberno Civil para a súa aprobación polo Ministerio de Instrucción Pública.

Anteriormente, no ano 1895, atopamos un antecedente próximo na constitución da Comisión Xestora para a creación da Academia Galega sobre a base dunha sociedade, Folklore Gallego, presidida por Emilia Pardo Bazán. Esta primeira tentativa non acadará o seu obxectivo fundacional aínda que os seus máis significados promotores, Emilia Pardo Bazán e Pérez Costales, serán nomeados presidenta e académico de honra da institución.

Pero tal como sinala o historiador pioneiro da institución, Ramón Villar Ponte, o verdadeiro mérito e punto de partida da fundación da Real Academia Galega está, como tantas outras iniciativas, no fervor e na xenerosidade do mundo societario da emigración.

Esta, a pesar do afastamento xeográfico, sempre seguiu moi estreitamente a loita da cultura galega por acadar un espazo diferenciado no que reivindicar unha identidade propia. Así, a Sociedade de Beneficencia dos Naturais de Galicia da Habana xa tiña nomeado a Rosalía (1873) e a Murguía (1877) como socios de honra; poucos anos despois, con ocasión da polémica con Sánchez Moguel, Murguía recibe un manifesto de adhesión de significados emigrados en Cuba, Álvarez Insua, Fontenla Leal, Lugrís Freire, Villasuso; Murguía, asiduo colaborador nas publicacións cubanas da emigración, recibe estímulo e subvencións para a publicación da súa Historia de Galicia.

Esta comuñón vaise traducir no ano 1905 na fundación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega na Habana por iniciativa, principalmente, de Fontenla Leal e Curros Enríquez.

Os interlocutores en Galicia desta feliz iniciativa serán os persoeiros que se reunían na Libreiría Rexional de Uxío Carré Aldao que, con sede na rúa Rego de Auga, contaba con Manuel Murguía como cabeza visible. Este, a pesar das difíciles circunstancias persoais, motivadas polo Decreto do seu cesamento como funcionario en 1905, asume a responsabilidade fundacional consciente da necesidade dunha institución prestixiosa con capacidade para proxectar cara ao futuro o noso rexurdimento cultural.

Esta primeira etapa da Real Academia Galega (1906-1923) marcada pola presidencia do Patriarca non estará exenta de polémicas e duros enfrontamentos. Porque á Academia chegarán os ecos de todas as tensións intelectuais e persoais que se xeraron durante os anos que Murguía dedicou a construír os horizontes da cultura galega. Así, á desconfianza natural que esperta todo movemento político-social que loita por ocupar un espazo diferenciado, temos que engadir o eixo étnico-cultural do celtismo, a defensa da cultura popular nun mundo dominado polo saber académico, etc. Sen esquecer as tamén lexítimas aspiracións persoais para formar parte dos elixidos, que fixeron de Murguía o obxectivo das súas críticas.

Nesta etapa académica do Patriarca asistimos á definitiva mitificación da figura de Rosalía mentres que, paralelamente, se minusvaloran os servizos que Murguía prestara á cultura galega. No outono da súa existencia soportou pacientemente, en silencio, moitas acusacións inxustas prestando con esta actitude un servizo notable á institución que presidía.

Desde o primeiro ano da súa presidencia, concretamente desde o 20 de maio de 1906, Murguía dotou a Academia dunha publicación, Boletín de la Academia Gallega, que constitúe hoxe, despois de atravesar o século XX, unha digna marca de identidade para a institución. Discorre polas súas páxinas non soamente a intrahistoria institucional senón que moitos artigos de consulta obrigada figuran espallados polos seus 263 números.

Na segunda etapa da Real Academia Galega (1923-1936), condicionada polo baleiro que deixa a figura de Murguía, ocupan a presidencia Andrés Martínez Salazar (1923), Francisco Ponte Blanco (1923-1926), Eladio Rodríguez González (1926-1934) e Manuel Lugrís Freire (1934-1935).

O inesperado falecemento de Martínez Salazar, respectado editor e prestixioso arquiveiro, destinado a substituír a Murguía, provoca unha preocupante parálise nas actividades académicas. Desde distintos sectores a prensa critica a ociosidade da institución e os sectores nacionalistas denuncian o escaso compromiso coa sociedade galega. Parece ser todo un indicio deste divorcio a fundación do Seminario de Estudos Galegos por parte duns mozos que non parecen confiarlle á Academia as súas arelas de descubrir Galicia e ampliar os horizontes culturais coa colaboración da Universidade.  

Coa renuncia de Eladio Rodríguez, que coincide co nomeamento como académicos de número de Castelao e Antón Villar Ponte, asume a presidencia, creando novas expectativas, Manuel Lugrís Freire. Todo apuntaba a un proceso renovador coa incorporación de artistas e ideólogos de clara filiación nacionalista cando a Guerra Civil tronza estas esperanzas e dá lugar a unha etapa de semiclandestinidade (1942-1977) na que acceden á presidencia Manuel Casás Fernández (1942-1960) e Sebastián Martínez Risco y Macías (1960-1977). Esta etapa de supervivencia queda moi expresiva e sinteticamente caracterizada pola dedicatoria que figura no libro de Avilés de Taramancos, A frauta y-o garamelo, de febreiro de 1959: "Á Real Academia Galega, en aspera de mellores tempos e labores".

Non obstante, no ano 1963 xorde das cadeiras da Academia unha proposta escasamente valorada nun primeiro momento pero que se torna especialmente dinamizadora co transcurso dos anos. Estamos a referirnos ao Día das Letras Galegas, que supuxo unha revisión constante e un rescate cultural sen precedentes.

Este longo tempo de espera, que contempla o traslado á actual sede da rúa Tabernas desde as dependencias municipais de María Pita, non remata tampouco coa presidencia, temporalmente ampla, de Domingo García-Sabell (1977-1997), se ben é certo que neste período se produciron algúns feitos relevantes, como: a) o acordo, no 1982, entre a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega en materia de Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que puxo fin á discordia entre as normas da RAG e as normas do ILG; b) o recoñecemento á RAG na Lei de Normalización Lingüística; c) a creación, primeiro, do seminario de lexicografía (no que se elaboraría o primeiro dicionario monolingüe da RAG) e, máis tarde, do seminario de sociolingüística (que realizaría o Mapa sociolíngüístico galego, se dúbida o traballo máis importante de sociolingüística galega realizado ata o día de hoxe).

Foi un período marcado pola escaseza de medios e de infraestruturas, só aliviado nos últimos anos coa consecución de finanzamento para algúns proxectos dos seminarios de lexicografía e de sociolingüística. Esta penuria de recursos determinou en gran medida a insuficiente presenza social da Institución.

A entrada na presidencia, en novembro de 1997, de Francisco Fernández del Riego supón unha apertura sen precedentes na historia da Academia Galega: toman posesión algúns académicos elixidos anos atrás, noméanse novos académicos entre prestixiosos nomes de escritores e intelectuais procedentes de diversos estamentos, etc.

Á marxe das etapas máis ou menos dinámicas polas que pasou a Academia, esta foi acumulando unha serie de fondos documentais, obras de creación inéditas, ricos e moi diversos epistolarios, importantes fondos hemerográficos procedentes do mundo da emigración, etc.

Todo este material, ao que temos que engadir os fondos procedentes do arquivo Pardo Bazán, está en adiantado proceso de informatización, dinamizado polo actual presidente, Xosé R. Barreiro Fernández (decembro 2001), comprometido nunha acción renovadora cos horizontes postos no centenario da institución.

En pouco máis dun ano a Academia conta cun renovado espazo para o arquivo, cunha ampla sala para os investigadores, con distintos convenios con diversas institucións que permiten dar saída ás diferentes publicacións que xeran os proxectos de investigación e, sobre todo, a Academia ten presenza pública e empeza a gozar dun merecido prestixio social.